Boas, aínda que non son o máis experimentado en observacións nocturnas no medio da selva e, recentemente, case sempre observo desde o albergue (e o recinto está máis ou menos ben vallado no seu perímetro), voume atrever a aportar algunhas ideas.
1.-Os animais salvaxes teñen máis medo de ti que ti deles. Isto é certo, a non ser que observes nos Ancares preto da zona na que recentemente se teñen visto osos (se ves ósos, en calquera lugar, fuxe).
2.-A mellor medida profiláctica e saír a observar en pequeno grupo. Só o feito de estar a falar cos compañeiros fai fuxir a case todos os animais. Sobre todo, aos de catro patas. Ben é certo que moitas veces se di que esta afección é unha práctica solitaria, e aínda que vaias a observar en grupo sempre se dá o caso de que cada persoa leva o seu plan de observación, o seu xeito de traballar e, incluso, o seu propio horario. O mellor é pactar antes, polo menos, o número de horas a botar no monte para que ninguén fique abandoado.
3.-O maior problema poden ser os animais domésticos (como os cans se estás preto dunha aldea), ou os de dúas patas (cada vez menos porque todo o país se está a converter nun ermo).
4.-O medo é algo subxectivo. Os urbanitas acostumades a estar rodeados de ruídos todo o día e o que máis asusta é o completo silencio da montaña, ou o simple sonido do vento entre as follas. O funcionamento da nosa mente tenta asociar todo ruído a algo coñecido e de aí xurden moitos medos. Se queres minimizar o medo a andar só polo monte podes mercar un esprai de pementa nunha armería (son legais) para defensa persoal. Unha potente lanterna tamén axuda para deslumbrar a posible invasores.
5.-Os fotógrafos da natureza para poder tirar fotos soen agocharse, estar en silencio moito tempo... No teu/noso caso podemos facer o contrario. Só con intentar non estar moi estático (camiñar, mover os pés para golpear a terra, dar palmadas para entrar en calor, falar...) son medidas que asustarán a todo tipo de animais.
6.-De xeito máis práctico, se vas de día pode haber indicios de zona perigosa. A min parécenme evidentes, pero comento algunha por ser acaso:
-- se ves bostas de vaca, será unha zona de paso de vacas cando as levan á corte ou ben pode haber vacas soltas pola zona;
-- se para observar entras nunha leira que estea valada, non só aramio de espiño, pode ter un simple pastor eléctrico (un cable vermello conectado a unha batería a medio metro de altura do chan), pode ser que no interior haxa animais;
-- se ves carreiros con herba tumbada ou que no chan parece estar moi pisado, como se alguén estivera a facer un montón de buratos pequenos buscando algo, pode ser un lugar de paso de xabaríns ou onde eles buscan tubérculos.
7.-Na miña experiencia, raposos, cervos, corzos, lobos fuxen de ti ao sentir ruído. Xabaríns poden fuxir se escoitan moito ruído. De feito é un dos métodos usados por labregos para facelos fuxir das leiras sementadas. As vacas en semi-liberdade poden ser perigosas, porque incluso sen querer facer dano son moi grandes. Un bo pau para darlles con el nos fuciños é man de santo. As culebras fuxen. A non ser en zonas de montaña creo que non se dá a cobra de seoane, a única velenosa en Galicia. Cans asilvestrados: perigosos; esprai de pementa ou meterse no coche. Osos, pregar. Guardia civil: carné de identidade.
Ollo, con insectos non hai nada que facer (arañas, formigas, escaravellos...). Incluso algúns deles se sinten moi atraídos polas luces que se empregan para montar e desmontar o equipamento.