Unha vez rematada a revisión dos estatutos, estes foron aprobados por unanimidade. Si, hai que dicir que de aquí en diante esta foi a tendencia, todo se foi aprobando por unanimidade ou, case diría, por aclamación (cos aplausos continuos dos presentes). Digamos que tras varias horas (coa única pausa para o xantar de unha hora e media), coas discusións, debates e algunha tensión (pero todo moi civilizado), todos éramos conscientes de que o que unía era moito máis do que afastaba e a unanimidade, real, non impostada, se abriu camiño unha vez superada a discusión dos estatutos.
Chegabamos ao momento de ter que escoller á primeira xunta directiva (según os estatutos, presidencia, vicepresidencia, tesourería, secretaría e vogais en número non inferior a tres). Algúns preguntaron se había algunha candidatura pechada previa, se alguén comentara algo. Na mente de todos, supoño, pensando que os integrantes do comité xestor serían os mellores candidatos para esta primeira etapa, coa excepción de Xavi Puig de A. Sabadell que ata dentro duns meses non se integrará na federación, claro está). Por parte deste comité, xa adiantaron (creo que foi Fernando) que por suposto xurdira o tema nalgunha das súas moitas conversas destes últimos seis meses, pero que non prepararan nada e que tiña que ser a asemblea a que solucionase o nó gordiano.
Axiña se ergueron algunhas mans para facer propostas (que non para ofrecerse voluntarios; creo que todos conscientes do complexo de empezar de cero con algo coma isto e o traballo que supón). Indico algunhas frases que se escoitaron (polo que eu lembro, fixádevos no contido, non na textualidade das miñas palabras):
- os integrantes da comisión fundadora serían uns candidatos magníficos para estar na xunta directiva (creo que esta debía ser a única opinión que todos pensabamos foi unánime e que estaba na mente de todos).
- habería que intentar que houbera integrantes da maior parte do territorio, de Madrid, de Andalucía, do Levante, do Norte, de Galicia... (vaia por diante que nos estatutos non se fala en ningures de temas territoriais, polo que este posible "reparto" sería máis unha vontade asemblearia ca unha necesidade real).
- as grandes deben estar na xunta directiva necesariamente.
Xa sinalados directamente por algúns dos presentes, xa se puxeron sobre a mesa (e tiveron que poñerse en pé e diante da asemblea) os tres integrantes da comisión fundadora que estaban á súa vez na federación xa constituída: Enrique Velarde (da Agrupación Astronómica de Madrid), Fernando Jáuregui (da Asociación Astronómica Navarra) e Blanca Troughton (da Asociación Sociedade Malagueña de Astronomía pero tamén presidenta da federación andaluza). O primeiro problema estaba solucionado, tres persoas moi solventes, con moitísimo peso na astronomía afeccionada española, daban o paso á fronte. Todos con moitísima experiencia tanto en organizar grandes eventos como en coordinar asociacións e todo o que se vos poida imaxinar. Por mencionar só algo do que eu sei, Fernando traballa no Pamplonetario (a Casa das Ciencias pamplonesa), está na Xunta Directiva de Cel Fosc e é un dos organizadores do vindeiro Congreso Estatal de Astronomía que será en Pamplona en 2016. Blanca foi unha das organizadoras do congreso de Granada deste ano, e xa estivera no Ano Internacional da Astronomía coordinando todas as actividades das asociacións españolas.
Axiña algún "amigo" ofreceu a Marcelino (da Asociación Astronómica de La Safor, no Levante), como un tesoureiro ideal. El se puxo en pé, afirmando que levar as contas era o seu traballo ideal e que lle encantaba. Así que, iso tan desgradable para moitos, tiña un candidato encantado. Ata alguén comentou que podería ser xa un servizo futuro da federación ás asociacións, o servizo de tesourería :rofl:
Faltaban os vogais por escoller. Se comentou que sería ideal que houbera algún/s que levaran a parte de web/informática, e que un dos posibles candidatos podía ser Fernando Cabrerizo (da Asociación Astronómica Syrma de Valladolid), polo que Fernando non tivo máis que poñerse en pé e asistir. Tamén se ofreceu (ou ofreceron) Miguel Ángel Mallén (de AstroHenares e un dos administradores de www.astroerrante.es) e Eduardo da Agrupación Astronómica Vizcaína. Despois, miradas ao grupo galego sinalando e dicindo que algún de nós se apuntara. Escoito polo "baji" ao meu carón "eu nin de coña", xuraría que notei un cóbado clavado nos meus riles e alá fun eu, como vogal do sector noroeste.
Curiosamente, tiñamos nestes momentos unha xunta directiva con 8 integrantes, un deles tesoureiro, 4 de nós vogais, pero sen decidir quen presidía, quen secretario... Así que se comenta que a presidenta ideal sería Blanca (ela afirma que este ano ou o vindeiro, non lembro ben, deixa a presidencia da federación andaluza), Fernando de secretario e Enrique de Vicepresidente (ao estar en Madrid, ideal para os trámites organizativos iniciais). E así quedou ao final todo.
- Presidenta: Blanca Troughton.
- Vicepresidente: Enrique Velarde.
- Secretario: Fernando Jáuregui.
- Tesoureiro: Marcelino Álvarez.
Con este equipo de luxo, está clara a capacidade de traballo e, sobre todo, a posibilidade de aprender con eles.
- Vogais: Fernando Cabrerizo, Miguel Ángel Mallén, Eduardo Rodríguez e Dosi Veiga (eu mesmo).
EDITO:
esquecín na mensaxe anterior e creo que é moi relevante mencionalo.
Toda a asemblea fundacional contou coa laboura inestimable de:
- Enrique Velarde, como "anfitrión" da AAM (lémbrovos que foi na sé da asociación madrileña onde se fixo esta asemblea, moitísimas grazas a eles por poñer á nosa disposición os seus locais) exercendo de moderador.
- Ana, a presidenta da Asociación Astronómica de Navarra, exercendo de secretaria e facendo a acta de todo o que se falou (creo que tamén se gravou en vídeo, pero non podo aseguralo).
- Fernando Velarde, Pedro Velasco, da AAM, introducindo en tempo real as modificacións oportunas nos estatutos, para poder imprimilos "ipso facto" e que todos puidéramos asinalos en todas as súas páxinas antes de marcharmos.
Se os tres, e moitos máis, todo isto tería sido imposible.