Pois aquí está. Tralo astrobiocos quedaron cousas por facer, cousas por celebrar e novidades que contar. Así que, aproveitando que o 16 de novembro se cumpre o 40 aniversario do envío da mensaxe de Arecibo, por radio, cara unha posible civilización extraterrestre en M13, imos facer o mesmo. Si, imos enviar unha mensaxe desde o radio-telescopio dos Biocos cara o espazo, en homenaxe a ese aniversario. E, como somos de cu inquedo, imos crear toda unha xornada que pode ser moi interesante.
Velaquí o programa previsto de actividades:
DOMINGO 16 de novembro de 2014. Off AstroBiocos
Lugar: albergue dos Biocos (San Xoán de Río - Ourense)
Horario:
10:00 Comezo de obradoiros. Construción de antenas, manexo de software de detección de meteoros de radio e moito máis. A cargo de radioafeccionados de Ourense e da Estrada. Eminentemente práctico, para aprender todo o que non deu tempo en AstroBiocos.
13:00 Envío da mensaxe por radiotelescopio. Esta mensaxe terá tres partes. A primeira, será a mesma mensaxe que a enviada hai 40 anos. A segunda, será unha frase escollida por medio de concurso entre os interesados (ver final). A terceira, unha homenaxe a Marga, compañeira de Altega que nos deixou hai cinco semanas.
14:00 Xantar. Menú de outono. Porco bravo ou xabarín (procedente de caza autorizada) con castañas e cogumelos. Outras opcións.
15:30 Inauguración de estación detectora de meteoros Os Biocos, en visual (si, coa Watec :666:) e en radio.
16:00 Continuación dos obradoiros.
O evento, a xornada e os obradoiros son de balde. Só hai que pagar o xantar os que desexedes facelo no albergue. Aínda non creamos o evento na web do albergue. Xa vos avisarei para que poidades apuntarvos. Tamén iremos concretando os contidos dos obradoiros.
-------
CONCURSO
Despois da repetición da http://es.wikipedia.org/wiki/Mensaje_de_Arecibo, escolleremos entre as propostas a frase que mellor nos pareza á organización para transmitir. Para participar, esta mensaxe terá que ser:
- estar relacionada coa mensaxe orixinal, dalgún xeito. É dicir, que veña a conto.
- ter un número de palabras que sexa un número primo menor de 12.
- podedes participar contestando a esta mensaxe. Nuns días, tamén ao través de Twitter ou correo.
Premio: xantar de balde este día e un lote de produtos da zona (bica manteigada, queixo de cabra e queixo de vaca).