Boas. Este ano non vai haber AstroBiocos. Xúntanse unha chea de cousas, personais, profesionais, económicas... que me puxeron todo moi costa arriba durante os últimos meses que impediron que puidera programar como é debido este evento. Xa sei que non teño por que dar explicacións de nada, pero como moitos deste foro seguides o tema con degoiro creo que merecedes algún tipo de aclaración.
Por unha banda, o Albergue dos Biocos está nestes momentos semi-pechado. Desde a empresa que xestionou o equipamento durante os últimos 5 anos estamos a falar e negociar co novo poder político, pero o tema vai moi, moi lento. Non teñen problema en que usemos o albergue para ese evento, pero despois de que a instalación estea tres meses pechada e sen uso, hai que investir moito en persoal para adecentalo. Non temos nestes intres estrutura nin forzas de creala só para este evento que, se ben non dá perdas económicas, tampouco xustifica por si mesmo ningún tipo de investimento extra.
Por outra, aínda que xa estaba o programa algo perfilado (graciñas á colaboración deste fío de de Paco/Elena e algún máis) e incluso algún ponente contactado (non vou comentar quen para non poñer os dentes longos), os meses de primavera e todo o verán foi de problemas profesionais en problemas.
A maiores, a edición do ano pasado xa non foi unha virtude de organización. Para que vos fagades unha idea, tal foi o cúmulo de circunstancias persoais que me comeron o tempo nos últimos meses que aínda non fun quen de xestionar o envío dos premios da suscrición á revista AstronomíA aos gañadores dos concursos da edición do ano pasado. Todo un desastre. E máis, teño que rebuscar a listaxe completa dos gañadores, porque só teño anotados a dous (mil desculpas a estes dous que están neste foro).
Para rematar, algúns xa sabedes que desde a Semana Santa ando metido noutro proxecto profesional que, se ben de momento vai mellor do agardado, absorbe moito máis tempo do debido. Xa veremos se nuns meses ademais tamén compensa economicamente. O caso é que o primeiro é o primeiro e nestes intres teño que "atender as miñas vacas". Non podo iniciar máis proxectos que fracasen (un vaise facendo vello e esas cousas) e desta volta teño que ir deixando de lado cousas que, se ben me enchen moito máis, provocan perdas económicas, cansanzo e problemas persoais. Nos últimos anos apunteime de voluntario e voluntarioso a demasiadas batallas e empezo a non dar atendido todas as frontes abertas.
Por todo isto e algunha cousa máis, que non se pode poñer aquí por escrito, non queda máis remedio que cancelar AstroBiocos 2015. Non podo prometer que vaia haber AB2016 ou AstroCalqueraLugar. Iso quedará para o que depare a vida nos vindeiros meses.
Todo o demais, graciñas a todos os que estas últimas semanas vos interesastes polo proxecto. E, sobre todo, desculpade a decepción.
Saúdos e bos ceos a todos.