Un ano máis, unha edición máis, un evento menos. Quen sabe se o último AstroBiocos. Alá quedou na finde pasada. Cunhas 70 persoas inscritas, unhas 100 persoas que en diferentes momentos pasaron por algunha das actividades, entre un 15-20% máis có ano pasado. Afeccionados de moitas asociacións (non de todas, claro está), afeccionados que non pertencen a ningunha asociación, interesados na astronomía, varias familias e os relatores. Todos puidemos gozar, penso (aínda que non son obxectivo), destes dous días intensos de actividades, de apredizaxe, de novos coñecementos. Na nosa teima de crear un evento que permita que outras persoas descubran unha das nosas paixóns e crear un espazo de calidade cultural, educativa e de lecer.
Sempre se bota xente en falta pero, como é evidente, valórase máis a presenza de todos os asistentes. Desde os que se achegaron só algún día a cear e compartir unhas horas de observación, sen nin sequera quedar a durmir, facendo un gran esforzo por compartir uns momentos cos compañeiros deste mundiño da astronomía.
Graciñas unha vez máis a todos os relatores que fixeron o esforzo de achegarse a este recuncho galego da Galicia profunda a compartir os seus coñecementos: Ramón Iglesias Marzoa, Javier e os seus compañeiros de cacharreo.es, Paco Colomer, Josefina Ling e Jorge Arranz. Como non, ás dúas compañeiros bolseiras, Pili e María, que tanto traballaron e tanto aprenderon. A Pablo por ese obradoiro de última hora de lanzamento de foguete de auga, a Ricardo e Enrique por aportar a observación solar, a Paco e Elena por esa donación de varios libros para sortear entres os nenos/as, a Ángel Gómez polo aporte das dúas suscricións á revista AstronomíA, ao equipo do albergue Ana, Satur, Arantxa e Xulio. A todos os asistentes, como non.
Nos vindeiros días iremos publicando varias entradas no blog do albergue onde describiremos polo miúdo as actividades, na liña dos anos anteriores, a modo de crónica para compartir cos estivestes alí en espíritu. Así como as fotografías, os vídeos e moito máis. Aínda que algún xa se nos adiantou desde a bisbarra valdeorresa 😉