Re-retomando este tema e ampliando a súa definición. Xa falamos por aquí bastante sobre o tema da construción dun observatorio remoto e complementos. A estas alturas, vendo outras opcións que hai preto de nós e abertas para o noso uso (como o Observatorio de Forcarei), creo que son perfectamente compatibles. É dicir, que non temos por que deixar de andar con outro proxecto que, por definición, sería bastante diferente.
Retomamos parte da idea falada ata o de agora, tal e como comentei con algún de vós en privado. O punto de partida básico sería:
- Instalación dun telescopio para o seu uso remoto. Sobre as características, equipamento... xa se falou bastante, polo que só habería que concretar equipamentos e custes.
- Propiedade de afeccionados particulares e/ou asociacións de afeccionados. Baixo a forma legal ou para-legal que se decida.
Amplíamos a idea e o que pensamos podemos conseguir a día de hoxe, onde o Albergue dos Biocos sería o lugar para ubicar a instalación (nestes momentos é o único "cacho" de monte do que dispoño eu):
- Telescopio común para o seu uso en remoto e de forma presencial, co seu caseto e temas adicionais.
- No albergue dispomos de ADSL funcional e operativa.
- Posibilidade de construír casetas para uso individual, dotadas de corrente eléctrica, conexión internet, columna de cemento, teito corredeiro, aparcamento para coche diante. Pode ser unha caseta por persoa interesada e/ou por asociación interesada. Posible instalación de alarma se se prefire deixar o equipamento alí gardado por tempadas.
- Unha das ventaxas do albergue é poder ir durmir andando, despois da observación. Ou estar ao quentiño mentres se fotografía.
- A instalación, obra e posta en marcha podería realizarse de aquí ata finais do ano 2011 (como moi tarde).
- Todo o equipamento estaría dispoñible por 9 anos polo menos.
- Sería un proxecto horizontal na toma de decisións. É dicir, todos os interesados ao final terían a mesma capacidade e voto para tomar as decisións, no modo en que se decida. Dentro dos límites do lugar, claro está. Que ninguén pida instalar un aeroxerador para ser autosuficientes enerxeticamente falando, por exemplo, porque iso é imposible.
Finanzamento:
- Poderíamos optar a unha subvención de ata o 75% (dependendo de varios factores, o mínimo sería o 60%) para a instalación. Polo menos, pois pode haber outras convocatorias. Iso si, o investimento máximo sería de 50.000 € :rules:... pero supoño que pensamos en algo máis modesto. Que ninguén lle teña medo ao tema de facer papelotes, que diso xa temos quen se encargue :whistle:
- O resto do finanzamento tería que ser aportado polos interesados (particulares/asociacións). Cota mensual, cota anual, cota inicial... o que se decida no seu momento.
En fins, isto só é un avance. Supoño que haberá moitas dúbidas e peticións de información. Estou preparando un borrador moito máis detallado, cun avance dos números, detalles do finanzamento e posibilidades da instalación. Non o vou facer público pero si que llo mandarei a todo aquel que mo pida. Así que podemos abrir un período razoable de tempo para que os posibles interesados manifestedes ou confirmedes o voso posible interese (sen compromiso).
Prazo para posibles interesados: mediados ou finais do mes de maio.
Manifestar interese: contestando neste fío (de xeito individual ou como asociación) se queredes que sexa público, ou enviándome correo-e ou mensaxe privada, se queredes que sexa máis íntimo.
Recepción de borrador: enviaríamosvos nun ou dous días o borrador con máis información. Ademais, durante varias semanas iríamos mandando os novos borradores según se produzan modificacións. Iso si, estes documentos serían confidencias e só para as persoas que manifesten interese. Queremos ter control sobre o deseño inicial do proxecto e as futuras modificacións, de modo que non se faga público todo ata que estea definido. Enténdese que asumides iso ao solicitar o borrador :great:
Suxerencias: neste fío tamén podedes ir aportando ideas e suxestións, para modificar ou complementar todo o falado ata o de agora. Tamén para preguntar dúbidas (para as que haxa resposta, claro está).
Decisión: ao rematar este proceso (finais de maio, comezos de xuño), valoraríamos se o tema interesa, que persoas das inicialmente interesadas confirmarían a súa participación e poríamos en marcha as seguintes etapas do proxecto.